Loading

Actualidade

COLECTIVOS GALEGOS PIDEN UN PULO AO MEDIO RURAL

23-04-2012

 

Xuntar os esforzos de entidades e particulares que traballan en Galiza pola defensa dun futuro para o medio rural galego foi o obxectivo das xornadas organizadas por ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM, que reuniron esta fin de semana unhas 200 persoas en Pontevedra e Poio. Os colectivos integran a Alianza por un Medio Rural Galego Vivo e celebraron esta fin de semana unha xuntanza de traballo na localidade pontevedresa de Poio.

 

A profesora de Economía Aplicada da USC, Mar Pérez Fra, foi a encargada de facer un repaso pola historia da desagrarización do rural desde o ano 1950 até a actualidade. Fronte ao 70% da poboación que nos anos cincuenta traballaba no sector agrario en Galiza, na actualidad dito sector só representa o 5,7% da poboación galega. Segundo Pérez Fra, isto débese á rapidez –só pasaron 50 anos– e á intensidade do cambio de modelo por mor da crecente integración mercantil e da tecnoloxía produtiva no rural, que obrigou a resistir fortes déficits das explotacións e cambios nos usos das terras, conducindo en moitos casos ao abandono. Pero, ademais, dixo a profesora, puxéronse límites ao desenvolvemento doutras actividades no medio rural e á transformación dos produtos no país. A cuestión que agora queda por resolver, dixo Pérez Fra, é a de que facer cos territorios abandonados.

 

Nas xornadas participaron os representantes das organización que integran a Alianza. Manuel Da Cal Vasques, como representante da FRUGA, falou da nova proposta da Comisión Europea para a Política Agraria Común (2014-2020), dirixida a que "as industrias multinacionais europeas poidan ser competitivas no mercado mundial baixando os prezos dos produtos agrarios". Seguindo este enfoque "continuista", segundo Da Cal, Galiza sae moi prexudicada e non se ve defendida polo Goberno autonómico. Así pois, pediulle á Xunta que interveña fronte á Comisión Europea a prol dos activos agrarios, para garantir unha calidade de vida mínima para os habitantes do rural e para acadar prezos xustos para o sector produtor.

 

O secretario de Medio Ambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, manifestou a súa crenza en que o despoboamento do rural é "un proceso friamente calculado e de destrución" para deixar "campo libre" á intervención do capital privado. Apuntou responsabilidades cara ao actual Goberno por promover instrumentos lexislativos que pretenden desregularizar o medio rural (Lei de Montes, Lei de Caza, modificación da Lei de prevención de incendios, etc.) e presentar o territorio galego como unha oportunidade de negocio. Para crear emprego e conseguir fixar poboación no rural, a CIG avoga por dar pulo a mecanismos que acaden o peche do ciclo produtivo, de xeito que se podería xerar 30.000 postos de traballo directos; crear unha marca galega de calidade que aglutine as xa existentes; adquirir beneficios fiscais ou económicos polo efecto sumidoiro de CO2 dos nosos montes; impulsar a contratación directa de persoas por parte das comunidades de montes veciñais ou mudar a política da vivenda para favorecer o acceso da xente nova aos núcleos rurais.

 

O vogal de Medio Rural de ADEGA, Xabier Bruña, subliñou a importancia que todas as políticas promovidas no medio rural teñen para o medio natural e as políticas de conservación, cualificadas como "carentes de xestión, sectoriais e impositivas". Manifestou que a intervención dos mercados no rural e a política do "deixar facer" promovidas pola Administración acabarán expulsando do rural as persoas que quedan coas conseguintes problemáticas que o abandono xera (desde outono arderon 16.000 Ha só en espazos naturais). Bruña cre que un futuro vivo do rural sostense na planificación territorial coa participación das persoas que viven nel, na ordenación regulada do territorio atendendo ás súas diversas potencialidades (non "deixar facer") e equilibrando a distribución da riqueza.

 

Por parte das comunidades veciñais de montes en man común interveu Xosé Carlos Morgade. Morgade aseverou que a única forma de evitar a mercantilización dos montes e a ocupación destes polas multinacionais é a de manter os esquemas tradicionais da xestión comunitaria: que os veciños sigan sendo os posuidores do monte e que sexan os únicos que poidan decidir sobre a súa xestión baseada na produción vencellada á economía local, na creación de emprego, na xestión sostíbel e no traballo en rede.

 

EXPERIENCIAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

 

Nesta xornadas, varios particulares e colectivos ambientalistas e agrarios doutros lugares do Estado e mesmo de Portugal presentaron as súas iniciativas de desenvolvemento no rural. Procedentes do país veciño asistiron Armando Carbalho e Pedro Gomes, ámbolos dous da Federaçao Nacional de Baldios (montes comunais), para presentar as experiencias nos Baldios de Ansiães e Vilarinho e tamén para amosar a situación actual do rural portugués no marco la política agraria común. Portugal perdeu a metade da súa poboación agraria en tan só 20 anos. Carbalho animou a que Galiza e Portugal, con panoramas de desagrarización moi similares e nas que aínda persisten as explotacións familiares, promovan accións conxuntas cara a un medio rural vivo.

 

Nuria Llabrés, do grupo ecoloxista GOB de Menorca, amosou a custodia agraria como ferramenta de conservación de biodiversidade compatíbel coa rendibilidade do sector agrícola e como mecanismo fronte ao abandono do campo. Destacou todas as externalidades positivas que os "palleses" ou agricultores xeran coa súa actividades na zona: manteñen a paisaxe, coidan a biodiversidade animal e vexetal, a auga, o osíxeno, a fertilidade do solo, crean espazo para o ocio e o turismo e preservan o patrimonio histórico e cultural, arquitectónico, o coñecemento tradicional, a saúde e a estrutura territorial.

 

O soriano Ramón Martín, experto en cooperativismo, apuntou cara a estoutra forma de xestión conxunta como instrumento contra o abandono do rural. Puxo como exemplo o caso de Duruelo de la Sierra, onde se constituíron varias cooperativas dedicadas á produción de madeira e á súa transformación, e nas que os cooperativistas perciben a mesma retribución económica, independentemente da súa función dentro da comunidade.

 

Por último, Pilar Vispo, labrega de Camanzo (Vila de Cruces, Pontevedra), expuxo a súa experiencia particular de reconversión da súa explotación leiteira nunha explotación de carne e de horta ecolóxica.

 

O acto pechouse coa sinatura da Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, que queda aberta a adhesións doutras entidades que traballen a prol da reactivación do rural, tendo en conta o seu carácter multifuncional (social, ambiental e económico).

 

Foto: web tecnoloxia.com 

 

 

®Galicia Ambiental, 2014. Todos os Dereitos Reservados.
Edición e Comercialización: ITE Ambiental   -   Director: Bieito G. Carril   -   Redacción: Lara Rodríguez   -   Tlf: 981 973 804